Tuesday 30 de April de 2024

Entregaddos os premios aos gañadores do 3º Concurso de Fotografía A Laracha no obxectivo


As gratificacións económicas alcanzan os 1.500 euros.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Patricia Bello, fixeron hoxe entrega dos premios aos gañadores da terceira edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, dotados cun total de 1.500 euros.

O acto desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa do Concello. Cada galardoado, ademais da gratificación económica, tamén recibiu unha copia impresa en cartón pluma da súa fotografía gañadora.
Na modalidade “Xeral” o primeiro premio (dotado con 600 euros) foi para a foto titulada Conxunción astronómica, do cormelán Andrés García Facal. Trátase dunha panorámica composta por catorce tomas na que se ve o faro das Illas Sisargas, Malpica, a posta da lúa sobre Razo, parte da constelación de Escorpio, o núcleo da Vía Láctea sobre o que pasa unha estrela fugaz e parte da vila e da parroquia de Caión.

O segundo premio (400 euros) foi para Fervenza no Acheiro, do larachés Eduardo Verdes Pereira, pola imaxe da baixada de auga nese río á altura da antiga central eléctrica preto da Ribela.
O terceiro premio (250 euros) concédese a Mar de Caión, instantánea tomada pola coruñesa Alejandra Gesto no cantil baixo o Sendeiro de Saldoiro, destacando nela as rochas, o mar e, ao fondo, a vila de Caión.

Nesta modalidade “Xeral” presentáronse un total de corenta e dúas fotografías de quince participantes diferentes. O xurado estivo formado por Raúl Lorenzo, profesional do sector audiovisual, Guillermo Iglesias, tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM, e Rosario Mouzo, técnico de turismo do Concello.

Na modalidade “Redes Sociais” a instantánea gañadora foi O muíño do Acheiro, da larachesa Iria Boza Martínez. A fotografía obtivo 689 gústames durante os once días de prazo no que calquera internauta puido votar na páxina de Facebook de Turismo da Laracha. Na publicación do álbum de fotos coas 27 imaxes participantes recibíronse un total de 2.836 interaccións.